Fernando Durán gaña a XI edición do Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense

Jesús Madriñán e Ignacio García Sánchez acadan o segundo e terceiro premios.

Unha fotografía en gran formato que recolle unha escea nocturna dun bosque cunha muller, presentada sen título e da que é autor Fernando Durán foi o traballo seleccionado polo xurado como ganador da XI edición do certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense para menores de trinta anos.

Fernando Durán é ourensán e convértese no primeiro artista local en ganar este codiciado premio, ao que se presentaron nesta edición un total de 166 traballos procedentes de lugares como México, Italia e a práctica totalidade da xeografía española.

O segundo premio foi tamén para unha fotografía, neste caso un retrato de Jesús Madriñan. O terceiro premio foi para o madrileño Ignacio García Sánchez, cun traballo en tinta e acuarela sobre papel.

As bases tamén recollen dous accésits para senllos videos, un deles unha performance nos baños do local santiagués "Modus Vivendi", de Olmo Blanco Fuentes; e un video titulado "El coche de San Fernando", do colectivo artístico Batbirulau e presentado por Patricia Agudo.

Dado o elevado nivel dos traballos presentados, os membros do xurado quixeron distinguir os traballos de Miren Xare Alvarez Beracoechea, Andrea Outeiral Díez e Jonathan Bellés García.

A exposición cos traballos premiados, e seleccionados así como a entrega de galardóns terá lugar na primeira semana de setembro.

O xurado estivo integrado por Mar Caldas (Catedrática de Belas Artes, comisaria de exposicións e artista), Xosé Buxán ( Profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e comisario de exposicións), Xavier Riomao (artista e profesor da Universidade de Vigo) e Eva Torres (Directora do Museo Municipal de Ourense). Como secretario actuou o director do Centro Cultural, Francisco González.